terça-feira, 11 de setembro de 2012

11-S

Hoxe hai once anos do atentado das torres... e? Dende entón o mundo non fixo máis que poñerse máis gris e escuro. A política do medo, tan típicamente ianqui, extendeuse ao resto do mundo occidental. Os prexucios racistas foron en aumento, o medo a ser sufrir un atentando terrorista aumentou na sociedade e que? Eu non sinto máis medo dende aquela pero si que teño máis restriccións á hora de querer subir determinados elementos a un avión, teño que pasar por infinidade de controles en aeroportos internacionais... e que?
Hoxe todo o mundo pregunta que era o que estabas facendo aquel once de septembro cando case todas as televisións daban en directo a nova de que un avión se estampara contra unha das Torres Xemelgas, e xusto nese momento ZAS!, o segundo impacta. No meu caso vendo o que era entón un noticiario serio, T5 con Angels Barceló. Seguramente se preguntase á xente que me rodea acordaríase perfectamente do que facía cando o segundo avión se estampou a drede contra a torre que ata entón estaba ilesa.
Eu tiven a oportunidade de desfrutar de un 11S mellor anos despois dese fatídico día. Paseaba con Saule por unha praia unha noite de verán, sentámonos na area a escoitar o mar e decidimos que aquel podía ser un escenario perfecto para amosarnos o amor que sentiamos a unha pola outra. Hoxe teño un bo recordo de aquel 11S e espero que Saule tamén se acorde de aquela data.
E se vos preguntara agora que faciades un 10S de calquera ano... moitos dos que me rodean non se acordarían de nada concreto ou memorable. Eu teño un 10S, moi importante na miña vida. Onte fixo un ano da última voda á que fun co meu pai, o dez de septembro de dousmil once.
Unha boa amiga miña se casaba co seu mozo e como o pai desta rapaza era un dos mellores amigos de meu pai el tamén foi invitado ao convite. Fumos á capela onde se celebraba o enlace, sacamos un par de fotos. Recordo perfectamente o guapo que estaba, e non so polos momentos conxelados que conservo en forma de foto senon de algún xesto. A súa forma de andar, de mirar, de actuar e sobre todo de rirse. Era como un Eddie Murphy estilo galego, con bigote fino e canoso e a cabeciña rapada.
Entón el xa sabía o que lle esperaba, meu Sr. Pai e eu acaba de enterarme de xeito extraoficial da mala nova que nos había esperar. Sen embargo, hoxe non quero recordar eses detalles tristes senon quero facer mención aos bos momentos daquel día.
Foi un día soleado, de presas (perruquería-casa, casa-maquillaxe, esperar aos convidados e tirar para a ceremonia), de risas, de baile... Onte fixo un ano do meu último baile co meu pai, foi breve pero intenso. El non podía bailar moito pola fatiga que sofría debido á silicose que xa tiña diagnosticada de había anos. Foi un día bonito no que non se comeron perdices pero si marisco. Como recordo aquel sorriso seu despois de bailar brevemente coa súa filla pequena... emociónome con solo pensalo pero a pesar de todo mándolle un sorriso sinceiro e profundo alá onde esté.

Espero que chegue, papá.

segunda-feira, 3 de setembro de 2012

Carta a unha folla de verdura

Querida Folla de Verdura: 
Quixera escribir en ti unha mensaxe e despois botarte ás galiñas. Resulta absurdo pensar así, verdade? Preguntaraste por que quero facer tal pero o meu único fin é desafogarme. Egoista? Pode. Dende logo sería moi orixinal. Sempre escribindo e folios e follas de papel, que culpa terán as árbores da que procede a pasta celulosa da que provén... Todo é un sinsentido. 

Ás veces teño a sensación de que a cabeza non me traballa ben. Pásanseme por aí pensamentos sen sentido que van dende ir vagando pola vida coma un can apaleado, dando peniña e buscando amor ata mandar todo ao carallo e deixar unha notiña escrita nun papel a modo de despedida. Non falo de morrer senon de cambiar radicalmente sen decir nada a nadie e non voltar máis que na miña mente. Soñeino... soñei que me marchaba para sempre, que deixaba atrás a familia e os amigos. Eles non me botaban de menos e eu morría de pena. Non creo que fora pasar de verdade, o de morrer de pena... iso non existe! Non houbo ninguén que morrese dese mal de xeito directo, e senon que mo demostren. Posiblemente haxa animais (os seres humanos entran dentro desta categoría) que morresen de xeito indirecto dese mal que a xente acostuma a dicir "pena", aí non o negarei... Vaia batiburrillo de ideas que teño na miña testa, calquera día vai facer CHIMPUM! 

Quizáis esté perdendo a pouca cordura que me quedaba, quizáis sexa definitivamente idiota ou quizáis a desilusión se a sumas á tristeza produce este estado de... mmm... sabe Dios como chamalo! Dende hai unha semana teño ganas de destrozar cousas... non sei, romper, pegar, patalexar... teño que recoñecer que ese estado de ánimo foi mermando un pouco. Agora penso que teño un comportamento autodestrutivo que non me axuda nada a remontar... O que digo, creo que non me vai ben a cabeciña... creo que a vou levar ao mecánico! 

Agora é cando, despois de escribir estas tonterias na túa superficie, te boto e comer ás galiñas. Si, non sufras porque non che doerá, estás desligada do tronco central que é a verdura completa, así que ao non haber conexión co centro "neurálxico" non sentirás dor. Que envexa me das por momentos, ogallá puidera facer o mesmo e non sentir os picotazos da vida...

quarta-feira, 29 de agosto de 2012

O certo é que non sei se choverá, pero...

Hoxe é un día desos que son raros, bueno... a rareza que sinto empezou onte. Preguntarédesvos que foi o que me aconteceu onte para hoxe estar así, tan de mala ostia. Hoxe sinto ira, rabia, enfado, tristeza, impotencia, con ganas de berrar e incluso de ser violenta. Teño ganas de empezar a ostias coas cousas... Estou moi enfadada, non imaxinades canto.
Estou así porque nos últimos meses non dou levantado cabeza, á mínima que me estou recuperando ZAS! ostia da vida (ou da sorte)... cando creo que estou sentíndome ben, PUM! recaída. E eso que estou acudindo a unha profesional. Sen ir máis lonxe onte tocou terapia, quizáis por iso a tarde de onte e o día de hoxe sinta o que sinto de maneira irrefrenable. Teño unha mezcla de sentimentos que me producen unha frustración que non sei ben como atallar. O luns tiña unhas ganas terribles de que me mimasen, me desen un par de abrazos que tocan a alma para recargar enerxía pero as persoas que teñen a capacidade de darme ese tipo de recarga están lonxe, xa non tanto en distancia física senon lonxe de min (quizáis porque marcharon, quizáis porque construín un muro de cemento rápido)... Eu que sei!
A vida é xusta? A miña resposta de hoxe sería moi clara, NON. É unha FDP dito finamente, lévase á xente que máis queres e déixate feita un trapo. Pensei que era forte pero hoxe o dubido bastante ainda que no fondo unha voceciña me di: ES FORTE, ES FORTE! E eu quero creelo pero hoxe, sinceiramente, cústame. Danme ganas de mandar a todo dios á merda e marcharme da vida de todos, incluso da miña. Vivir nunha película... Que que pélicula escollería? Non sei, unha de debuxos animados... Quizáis elexiría ser Dory a de buscando a nemo so pola pouca memoria que ten... desexo tanto borrar certas cousas da miña mente que me frustra ainda máis.
E para colmo durmo fatal, os chineses que teño por veciños relaxaron bastante o nivel de ruidos e xa non molestan tanto pero ainda así teño ganas de encontralos polo edificio e pegarlle catro berros. Sinto que non se me valora... Eu trato de valorarme, de sacar conclusións positivas de toda esta tormenta de ideas e onte conseguino coa axuda da psicóloga.
Estou progresando por momentos pero en ocasións sinto que non e dubido das miñas forzas. Valoro o esforzo e sei que en todos estos meses crecín, non sei ben se ao largo ou ao ancho, pero si que me sinto grande. Tan grande e con poucas forzas... non o entendo. Ogallá puidera sacar todo este popurrí de sensacións contraditorias que teño na mente. Calquera día a miña mente fará PUM!
Non sei se choverá esta semana pero na miña cabeza hai unha treboada inmensa, non me aguanto nin eu!

segunda-feira, 20 de agosto de 2012

Non sei como titular este popurrí de ideas

Bos día a quen queira que poida ler este blog,

Levo moito tempo sen escribir por aquí e quería decir que estou ben. Ás veces teño momentos tristes nos que sen saber porqué se me da por chorar, outros teño días de euforia e de rir ata doerme a cara. Sen ir máis lonxe o outro día coincidín co meu irmán nunha tapería e lieime ata as tantas tomando viños. O efecto elicóptero ao chegar á cama foi inevitable.

Teño que recoñecer que vou dando pasos hacia a unha recuperación anímica, tempo atrás estaba desfeita e agora xa comezo a ser persoa. Resulta curioso que non hai moitos días alguén me dixo que estaba moi á defensiva cando hai semanas que ese resorte o teño máis controlado.

Tamén teño que dicir que acadei o valor e a forza necesaria para leer algo que me emocionou moito. Non falo da carta que lle leín a miña prima o día do primeiro aniversario da súa morte. Foi algo máis forte, unha mensaxe que deixou alguén antes de partir. Xa contarei máis detalles.

Estiven de vacacións e fun un día ao fin da terra, a Fisterra, teño que admitir que foi en boa compaña. Á volta confundinme de carretera e acabei sen saber ben porqué nun sitio que me gusta, o Castro de Baroña, un lugar máxico onde me gusta recargar as pilas.

Unha cousa que penso últimamente é algo inquedante. Soño moitas veces co meu pai e é algo que me gusta se non fora porque en todos os soños que tiven dende o final da enfermidade rematan de xeito tráxico. Curioso...

Levo un mes sen ir á psicóloga que me está axudando con todo esto que chegou a superarme, e cando volva vou ter un montón de cousas para lle contar. Teño tamén moitas outras das que escribir pero non me ven a inspiración por ningún sitio. Espero que un día, o menos pensado, as ganas de escribir volvan a min e empece por contestar a unha "carta" moi especial que recibín non hai moito

So quería facer constar a miña volta das vacacións e as miñas ganas de non abandonar un rincón que me serviu de desafogo. 

segunda-feira, 16 de julho de 2012

Venres trece

Venres 13 de xullo

Non me considero supersticiosa pero o pasado venres foi un día terrorífico. No traballo o día se me fixo eterno e acabei con dor de costas, de cabeza e bastante agobiada. Todo pintaba que había ser un día normal pero comezaron a ocorrer cousas estrañas pola mañá cedo. Pola mañá soou o espertador e eu, sen sequera mirar a hora, laveime e vestinme como unha autómata almorcei e saín da casa con dirección ao traballo. Cando estaba chegando as campás soaron ao lonxe, eu creín quen eran as oito e media e cando me cruzo co primeiro compañeiro polas galerías de acceso me di:
- Que, ves de mañá? - ao que eu respondo:
- Non, entro ás nove, coma sempre... - e quedo con cara estrañada.
- Pois son as oito!
Podes imaxinar a miña cara... fun tomar un café á cafetería de en fronte e estiven vendo o xornal. Cando foi a hora fun ao meu posto de traballo e a mañá pasou máis ou menos rápido e pronto chegou a hora de comer. Despois de comer volta ao traballo e o sono pesaba máis e máis cargándome, se cadra máis, as costas. Cada hora que pasaba se sumaba a un día laboral que parecía eterno. Hoxe atreveríame a dicir que aquel día foi un castigo... non sei por que, pero un castigo.
Dubidei, despois de ter chegado á miña casa, se ir ou non á casa de miña nai. A última visita fora poco frutífera poruqe voltei á Cidade Olívica con menos enerxía da que partira, cando ata o momento era xusto o contrario. Penseino moito, ata argallei algunha excusa por se tiña que chamar á miña nai e contarlle que estaba moi cansa ou calquera outra cousa, pero o certo é que non me apetecía demasiado. Ao final fun, porque ao día seguinte quedara con Saule e outra amiga para irmos dar unha volta noctura e coñecer o mundo Underground da cidade. Pois alá me fun no meu C'mon camiño da miña terra natal e pensando en moitas cousas.
Resulta que ese venres 13 pasará a ser recordado como un venres negro, xa non polo tempo senon polo que aconteceu no pobo do que son orixinaria. A media mañá un accidente de tráfico nun punto negro onde moita xente deixou a vida ou no mellor dos casos só o coche, no que resultou morta unha muller de cincuenta e pico anos. Tan só cinco horas despois houbo outro accidente, esta vez unha colisión, onde resultaron feridas de gravidade dúas mulleres do mesmo pobo que a falecida. Cando me achegaba á miña casa e ao pasar polo punto negro en cuestión unha sensación pouco agradable me percorreu e tratei de minimizar a negatividade do asunto. Antes de chegar á casa tiven que facer unha parada no taller, ata entón de confianza, para botar unha pequena bronca por un asunto que non ven ao caso. A sensación de negatividade aumentou no meu corpo despois de pasar polo mecánico e decir catro verdades pero eu seguín o meu camiño rumbo á casa.
Ao chegar ao meu barrio, non sei por que, aminorei á marcha ao chegar á altura do portal do garaxe da miña tía, un lugar onde colgan os bandos municipais e tamén as esquelas, e parei a ver por que había tanto papel por alí. Resulta que ademáis do cartaz co programa das festas había cinco esquelas das que polo menos dúas avisaban do cabo de ano de dúas persoas falecidas (unha delas Phoe) e dúas máis que recollían a morte de dúas persoas ás que nun principio non prestei demasiada atención. O que si vin foi que unha das finadas se chamaba Came pero non prestei máis atención e aparquei o coche para subir á casa. Alí estaban a miña nai e a miña irmá, meu sobriño marchara a dar unha volta co pai así que non o vin ata máis tarde. Saudei e falamos de todo un pouco e como non podía ser doutro xeito falamos dos dous accidentes que aconteceran na vía rápida había unhas horas.
A quen pensa que as persoas que marchan deste planeta para converterse en estrela direille que agora hai unha estrela máis, unha que marchou un venres trece... un día maldito e plagado de superstición, un día triste, un venres negro.
Máis tarde chegou a miña prima Zoi e de balcón a balcón falamos un pouco, ela foi quen me contou quen era a tal Came que figuraba na esquela. Por desgraza coñecía á rapaza, tíñalle moito cariño porque a coñecera había moitos anos co meu mellor amigo. Came sempre tiña un sorriso sinceiro que brindaba a aquelas persoas que coñecía, sempre foi positiva e moi loitadora pero dende había uns anos estaba librando unha batalla vital contra esa puñetera enfermidade que trouxo as choivas á miña vida... a mesma que acabara con Phoe e co meu pai.
Non daba crédito á nova... os accidentes de coche non me impactaran case nada pero esta mala nova sobre Came fíxome chorar. A súa historia, ou polo menos a parte que eu coñecía, era moi semellante á de Cloe... a mesma batalla, a mesma idade, a mesma cor de llos, a mesma actitude loitadora e positiva, a mesma fortaleza... incluso o mesmo mes para rematar vencida pola enfermidade. O ceo chorou ese día igual que a miña persoa...

quinta-feira, 21 de junho de 2012

Carta a Phoe. Novidades

Miña moi estimada Phoe,

hoxe hai once meses de que marchaches do lugar, xa nada é como ti o coñecías. Espero que estés ben alá onde quera que estés. Supoño que recibirás misivas de toda a xente que te coñecemos e te valoramos durante o tempo que estiveches con nós, saberás que pola familia non hai moi boas novas... máis ben, non as houbo. Que che conte a día de hoxe que meu pai tamén marchou non é unha novidade, precisamente porque onte fixo dous meses da súa partida...

Sabes? Últimamente empezo a dubidar das casualidades, cada vez penso que certas cousas non son fortuitas. Onte, por exemplo, o día amenceu nubrado e o meu estado de ánimo acorde co ceo, a medida que avanzaba o día foise turnando gris ata que as nubes puideron chorar o recordo dunha perda. Esas nubes foron o reflexo da miña alma, que últimamente ten uns picos impresionantes... A psicóloga di que é algo normal pero eu teño momentos nos que dubido de todo.

Non quero preocuparte coas miñas palabras, despois de visitar á descoñecida á que lle conto as miñas comeduras de olla sentinme mellor eu quería transmitirche tranquilidade. Si, é certo que teño ansiedade outra vez, pero é un proceso normal, o meu corpo se está liberando da presión, así que temos que pensar que é algo positivo. Phoe, está todo controlado... 

Túa nai fálame de ti, é unha nova estupenda, mándame saúdos para ti. Xa sabes que ela esto das novas tecnoloxías só as coñece de oídas, pero encargoume que che fixera chegar unha mensaxe de tranquilidade. Ti, que vives preto de meu pai quero que lle transmitas as mesma mensaxe. Aquí as cousas están coma sempre, pendentes de arreglos elécticos na casa, pero son pequenas cousas que se irán amañando aos poucos. A el que tanto lle gustaba estar fozando en cables, el tuberías ou en calquera outro lugar tivo que deixar unha encargada de mantemento (eu) que fai o que pode.

Quero que saibades que a pesar do tropezón que tiven cando pretendía acadar o obxectivo de completar o Camiño de Santiago, penso recuperarme e continuar a trozos ese reto. Vouno conseguir, seguro! Saule sigue na miña vida, aguantando unha versión gris de min mesmo que espero se tiña de outra cor. Quéroa máis cada día, supoño que se me nota e vos saberédelo con esta mensaxe. Sóubome moi mal non ter acabado aquela aventura peregrina co meu amor pero ela tamén se anima a rematala por fascículos.

Bueno, dende aquí, a silla do meu traballo non podo profundizar en temas que me gustaría. Pero mando esta mensaxe coa esperanza de que che chegue, Phoe, e lle comuniques as boas novas a meu pai. Quérovos e querereivos sempre. Canto vos votamos de menos aquí! Vémonos nos máis fermosos recordos e nos soños máis alegres e disparatados.

A túa prima e amiga, que xamáis te esquecerá.

PD: Dille a abu que as súas fillas siguen igual de tolas que sempre, que teño que andar botándolles pequenas bronquiñas para que espabilen e non se deixen asoballar por Masha. Dalle unha apreta ben forte e recibe outra extra para ti.


quinta-feira, 3 de maio de 2012

Choivas difíciles

Hai case un mes que non escribo e dende entón ainda non parou de chover. Xa aconteceu o que era inevitable e tivemos que despedir ao meu señor pai. Marchou o día 20 rodeado de xente que sempre o admirou e o quixo, a súa muller e os seus fillos.
Chove en Galiza e chove no meu corazón, esta vez con máis forza ca nunca.