sábado, 21 de abril de 2012

Despedida a meu pai

Hoxe estamos aquí para enterrar os restos mortais en forma de cinzas dun home inmellorable. Esposo, pai e amigo exemplar, unha das mellores persoas qu episaron a faz da terra.
O oco que deixa este gran home é grande, ou incluso maior. Botarémolo moitísimo de menos. 
Ainda que non estés entre nós, vivirás eternamente nos nosos corazóns. Recordarémoste alegre, positivo, bromista, loitador, íntegro, consecuente e por encima de todo boísimo de corazón.
Querémoste e respetámoste en vida e seguirémolo facendo nesta nova etapa sen ti.

Falo en nombre dos tres fillos, da túa muller, dos teus amigos e do resto da familia cando digo "querémoste, papá". Descansa en paz.

sábado, 7 de abril de 2012

A incertidume das tormentas

Outro día máis chove, e esta vez non é só no meu corazón. Chove en Galiza, boa falta fai, e o ceo está gris. Se aveciñan tempos chuviosos e ninguén o pode evitar, o máis que podemos facer é coller un paraugas ou un chuvasqueiro e tratar de aguantar o chaparrón que poida caer.
Onte cairon chuzos de punta, non tanto dende o ceo, senon nesta etapa dura da enfermidade que nos tocou vivir. Quizáis foran uns dos momentos máis difíciles deste camiño, ver ao Sr ET sen demasiada resposta, durmindo cos ollos e a boca abertos, sen resposta ante estímulos externos como un apretón de mans ou unhas palabras da familia. Ver que ao falar respondía con incoherencias pero o seu cerebro con pouco osíxeno non traballaba moi ben, ou eso foi o que dixo a doutora.
Mirar o panorama du home tirado nunca cama cos ollos afundidos nas cuncas e semiabertos, coa delgadez caracterísitica dun cancro avanzado, abrancuxado e sen resposta, desgarrábame a alma. Sentía que algo no meu interior se desfacía en anacos e doía, pero nos meus ollos non podía chover pois tiña que falar e sacar conclusións deste asunto. Saqueinas e hoxe síntome mellor, puiden durmir e descansar un pouco, so espertei tres veces pero os soños que tiven non foron desquiciantes.
E esta mañá cando voltei ao hospital alegreime de atopalo consciente, con resposta a todos os estímulos, falando e vendo a televisión. Alegreime de ver que recuperara un pouco a dignidade, porque onte esa palabra parecía esvaecerse no ambiente. Non sei canto durará esta tregua pero o que si sei é que haberá que aproveitala como se fose a última, porque nunca sabemos cando se desencadenará o chaparrón definitivo.