segunda-feira, 16 de julho de 2012

Venres trece

Venres 13 de xullo

Non me considero supersticiosa pero o pasado venres foi un día terrorífico. No traballo o día se me fixo eterno e acabei con dor de costas, de cabeza e bastante agobiada. Todo pintaba que había ser un día normal pero comezaron a ocorrer cousas estrañas pola mañá cedo. Pola mañá soou o espertador e eu, sen sequera mirar a hora, laveime e vestinme como unha autómata almorcei e saín da casa con dirección ao traballo. Cando estaba chegando as campás soaron ao lonxe, eu creín quen eran as oito e media e cando me cruzo co primeiro compañeiro polas galerías de acceso me di:
- Que, ves de mañá? - ao que eu respondo:
- Non, entro ás nove, coma sempre... - e quedo con cara estrañada.
- Pois son as oito!
Podes imaxinar a miña cara... fun tomar un café á cafetería de en fronte e estiven vendo o xornal. Cando foi a hora fun ao meu posto de traballo e a mañá pasou máis ou menos rápido e pronto chegou a hora de comer. Despois de comer volta ao traballo e o sono pesaba máis e máis cargándome, se cadra máis, as costas. Cada hora que pasaba se sumaba a un día laboral que parecía eterno. Hoxe atreveríame a dicir que aquel día foi un castigo... non sei por que, pero un castigo.
Dubidei, despois de ter chegado á miña casa, se ir ou non á casa de miña nai. A última visita fora poco frutífera poruqe voltei á Cidade Olívica con menos enerxía da que partira, cando ata o momento era xusto o contrario. Penseino moito, ata argallei algunha excusa por se tiña que chamar á miña nai e contarlle que estaba moi cansa ou calquera outra cousa, pero o certo é que non me apetecía demasiado. Ao final fun, porque ao día seguinte quedara con Saule e outra amiga para irmos dar unha volta noctura e coñecer o mundo Underground da cidade. Pois alá me fun no meu C'mon camiño da miña terra natal e pensando en moitas cousas.
Resulta que ese venres 13 pasará a ser recordado como un venres negro, xa non polo tempo senon polo que aconteceu no pobo do que son orixinaria. A media mañá un accidente de tráfico nun punto negro onde moita xente deixou a vida ou no mellor dos casos só o coche, no que resultou morta unha muller de cincuenta e pico anos. Tan só cinco horas despois houbo outro accidente, esta vez unha colisión, onde resultaron feridas de gravidade dúas mulleres do mesmo pobo que a falecida. Cando me achegaba á miña casa e ao pasar polo punto negro en cuestión unha sensación pouco agradable me percorreu e tratei de minimizar a negatividade do asunto. Antes de chegar á casa tiven que facer unha parada no taller, ata entón de confianza, para botar unha pequena bronca por un asunto que non ven ao caso. A sensación de negatividade aumentou no meu corpo despois de pasar polo mecánico e decir catro verdades pero eu seguín o meu camiño rumbo á casa.
Ao chegar ao meu barrio, non sei por que, aminorei á marcha ao chegar á altura do portal do garaxe da miña tía, un lugar onde colgan os bandos municipais e tamén as esquelas, e parei a ver por que había tanto papel por alí. Resulta que ademáis do cartaz co programa das festas había cinco esquelas das que polo menos dúas avisaban do cabo de ano de dúas persoas falecidas (unha delas Phoe) e dúas máis que recollían a morte de dúas persoas ás que nun principio non prestei demasiada atención. O que si vin foi que unha das finadas se chamaba Came pero non prestei máis atención e aparquei o coche para subir á casa. Alí estaban a miña nai e a miña irmá, meu sobriño marchara a dar unha volta co pai así que non o vin ata máis tarde. Saudei e falamos de todo un pouco e como non podía ser doutro xeito falamos dos dous accidentes que aconteceran na vía rápida había unhas horas.
A quen pensa que as persoas que marchan deste planeta para converterse en estrela direille que agora hai unha estrela máis, unha que marchou un venres trece... un día maldito e plagado de superstición, un día triste, un venres negro.
Máis tarde chegou a miña prima Zoi e de balcón a balcón falamos un pouco, ela foi quen me contou quen era a tal Came que figuraba na esquela. Por desgraza coñecía á rapaza, tíñalle moito cariño porque a coñecera había moitos anos co meu mellor amigo. Came sempre tiña un sorriso sinceiro que brindaba a aquelas persoas que coñecía, sempre foi positiva e moi loitadora pero dende había uns anos estaba librando unha batalla vital contra esa puñetera enfermidade que trouxo as choivas á miña vida... a mesma que acabara con Phoe e co meu pai.
Non daba crédito á nova... os accidentes de coche non me impactaran case nada pero esta mala nova sobre Came fíxome chorar. A súa historia, ou polo menos a parte que eu coñecía, era moi semellante á de Cloe... a mesma batalla, a mesma idade, a mesma cor de llos, a mesma actitude loitadora e positiva, a mesma fortaleza... incluso o mesmo mes para rematar vencida pola enfermidade. O ceo chorou ese día igual que a miña persoa...