terça-feira, 11 de setembro de 2012

11-S

Hoxe hai once anos do atentado das torres... e? Dende entón o mundo non fixo máis que poñerse máis gris e escuro. A política do medo, tan típicamente ianqui, extendeuse ao resto do mundo occidental. Os prexucios racistas foron en aumento, o medo a ser sufrir un atentando terrorista aumentou na sociedade e que? Eu non sinto máis medo dende aquela pero si que teño máis restriccións á hora de querer subir determinados elementos a un avión, teño que pasar por infinidade de controles en aeroportos internacionais... e que?
Hoxe todo o mundo pregunta que era o que estabas facendo aquel once de septembro cando case todas as televisións daban en directo a nova de que un avión se estampara contra unha das Torres Xemelgas, e xusto nese momento ZAS!, o segundo impacta. No meu caso vendo o que era entón un noticiario serio, T5 con Angels Barceló. Seguramente se preguntase á xente que me rodea acordaríase perfectamente do que facía cando o segundo avión se estampou a drede contra a torre que ata entón estaba ilesa.
Eu tiven a oportunidade de desfrutar de un 11S mellor anos despois dese fatídico día. Paseaba con Saule por unha praia unha noite de verán, sentámonos na area a escoitar o mar e decidimos que aquel podía ser un escenario perfecto para amosarnos o amor que sentiamos a unha pola outra. Hoxe teño un bo recordo de aquel 11S e espero que Saule tamén se acorde de aquela data.
E se vos preguntara agora que faciades un 10S de calquera ano... moitos dos que me rodean non se acordarían de nada concreto ou memorable. Eu teño un 10S, moi importante na miña vida. Onte fixo un ano da última voda á que fun co meu pai, o dez de septembro de dousmil once.
Unha boa amiga miña se casaba co seu mozo e como o pai desta rapaza era un dos mellores amigos de meu pai el tamén foi invitado ao convite. Fumos á capela onde se celebraba o enlace, sacamos un par de fotos. Recordo perfectamente o guapo que estaba, e non so polos momentos conxelados que conservo en forma de foto senon de algún xesto. A súa forma de andar, de mirar, de actuar e sobre todo de rirse. Era como un Eddie Murphy estilo galego, con bigote fino e canoso e a cabeciña rapada.
Entón el xa sabía o que lle esperaba, meu Sr. Pai e eu acaba de enterarme de xeito extraoficial da mala nova que nos había esperar. Sen embargo, hoxe non quero recordar eses detalles tristes senon quero facer mención aos bos momentos daquel día.
Foi un día soleado, de presas (perruquería-casa, casa-maquillaxe, esperar aos convidados e tirar para a ceremonia), de risas, de baile... Onte fixo un ano do meu último baile co meu pai, foi breve pero intenso. El non podía bailar moito pola fatiga que sofría debido á silicose que xa tiña diagnosticada de había anos. Foi un día bonito no que non se comeron perdices pero si marisco. Como recordo aquel sorriso seu despois de bailar brevemente coa súa filla pequena... emociónome con solo pensalo pero a pesar de todo mándolle un sorriso sinceiro e profundo alá onde esté.

Espero que chegue, papá.

segunda-feira, 3 de setembro de 2012

Carta a unha folla de verdura

Querida Folla de Verdura: 
Quixera escribir en ti unha mensaxe e despois botarte ás galiñas. Resulta absurdo pensar así, verdade? Preguntaraste por que quero facer tal pero o meu único fin é desafogarme. Egoista? Pode. Dende logo sería moi orixinal. Sempre escribindo e folios e follas de papel, que culpa terán as árbores da que procede a pasta celulosa da que provén... Todo é un sinsentido. 

Ás veces teño a sensación de que a cabeza non me traballa ben. Pásanseme por aí pensamentos sen sentido que van dende ir vagando pola vida coma un can apaleado, dando peniña e buscando amor ata mandar todo ao carallo e deixar unha notiña escrita nun papel a modo de despedida. Non falo de morrer senon de cambiar radicalmente sen decir nada a nadie e non voltar máis que na miña mente. Soñeino... soñei que me marchaba para sempre, que deixaba atrás a familia e os amigos. Eles non me botaban de menos e eu morría de pena. Non creo que fora pasar de verdade, o de morrer de pena... iso non existe! Non houbo ninguén que morrese dese mal de xeito directo, e senon que mo demostren. Posiblemente haxa animais (os seres humanos entran dentro desta categoría) que morresen de xeito indirecto dese mal que a xente acostuma a dicir "pena", aí non o negarei... Vaia batiburrillo de ideas que teño na miña testa, calquera día vai facer CHIMPUM! 

Quizáis esté perdendo a pouca cordura que me quedaba, quizáis sexa definitivamente idiota ou quizáis a desilusión se a sumas á tristeza produce este estado de... mmm... sabe Dios como chamalo! Dende hai unha semana teño ganas de destrozar cousas... non sei, romper, pegar, patalexar... teño que recoñecer que ese estado de ánimo foi mermando un pouco. Agora penso que teño un comportamento autodestrutivo que non me axuda nada a remontar... O que digo, creo que non me vai ben a cabeciña... creo que a vou levar ao mecánico! 

Agora é cando, despois de escribir estas tonterias na túa superficie, te boto e comer ás galiñas. Si, non sufras porque non che doerá, estás desligada do tronco central que é a verdura completa, así que ao non haber conexión co centro "neurálxico" non sentirás dor. Que envexa me das por momentos, ogallá puidera facer o mesmo e non sentir os picotazos da vida...