segunda-feira, 20 de fevereiro de 2012

Non o sei e pode que queira seguir sen sabelo

A luz cada vei máis feble de unha tarde de febreiro que toca ao seu fin entra pola fiestra, dándolle un color amarillento a todo o que hai dentro da habitación. Dúas camas de hospital, so unha delas ocupada por un home de un setenta anos que durme coas mans engarzadas detrás da cabeza conectado a un tubo de osíxeno. A outra cama está libre e ben feita, as sabas correctamente estiradas coas liñas da plancha ainda debuxadas. Entre as dúas camas dúas mesiñas con rodas que serven as veces de soporte para a bandexa de comida.
Meu descansa na cama máis cercana á porta que se atopa pechada, para tratar de insonorizar o máximo posible os ruidos que proveñen do pasillo e de outras habitacións. O calor é considerable, so teño que botar man do meu termostato natural, as orellas, están quentes e intúo bastante vermellas. Don ET descansa alleo a esta redacción, durme tranquilo, está canso do axetreo que supuxo a vista de hoxe ao médico. Toda unha mañá entre salas de espera e placas radiolóxicas, ata que ao final decidiron darlle unha habitación para ingresalo.
O ambiente no hospita, polas tardes, é bastante tranquilo. De cando en cando alguén pasa apurado polo pasillo, un carrito de merendas que vai e que ven, unha enfermera fala con un enfermo de algo que non acado a entender ben. Algún que outro ronquido rompe o monótono soar do osíxeno que fai burbullas nunha botella de plástico. É curioso que este son, ao principio aterrador agora me sone tranquilo.
Sinto pena, quizáis nostalxia ou tal vez este son me recorde un periodo triste dunha vida que non foi a miña. O osíxeno recórdame, quizáis hoxe máis ca nunca, á última estancia de miña avoa no hospital. A miña mente evoca, case sen querer, estancias anteriores de familiares no hospital, Lola, Phoe,... Non son un recordo demasiado triste, polo menos por agora, só sinto unha estraña sensación de morriña. Quizás sexa unha especie de sinal do que se aveciña... Non o sei.
Estou abraiada do racional que estou sendo, da entereza coa que afronto estes momentos que se queren antollar tristóns e que no fondo asumo como algo que ten que ocorrer. É curioso, síntome nun mundo a parte, se cadra hoxe todo me queda lonxano... Ata o día do meu cumpleanos se me presenta como un vello recordo, e foi onte.
Foi onte cando compartía momentos, sorrisos e paseos con Saule. Foi onte cando faciamos visitas culturáis á casa museo dunha grande da literatura. Foi onte cando tratei de agararme á súa man para camiñar polo "Paseo das letras" na incrible capital de Galiza. Foi onte e sen embargo parece lonxano. Incluso o feito de terme despertado esta mañá con unha sensación estraña se me antolla antiquísimo, como se pertencese a outro ano, quizáis a outra década...
Quizáis esta luz que se fai máis ténue a medida que avanza a tarde teña algo que ver, este calor, este cheiro a hospital e este son monótono que me transporta... Non o sei e pode que queira seguir sen sabelo... polo menos hoxe.

1 comentário:

  1. Nestes casos o carpe díem soe ser a mellor estratexia posible para erguerse cada día e verse ao espello e que o teu reflexo sexa o de unha moza co sorriso tatuado nos beizos, iso si racional, sorrinte pero racional,jajaja...

    ResponderEliminar