quinta-feira, 21 de junho de 2012

Carta a Phoe. Novidades

Miña moi estimada Phoe,

hoxe hai once meses de que marchaches do lugar, xa nada é como ti o coñecías. Espero que estés ben alá onde quera que estés. Supoño que recibirás misivas de toda a xente que te coñecemos e te valoramos durante o tempo que estiveches con nós, saberás que pola familia non hai moi boas novas... máis ben, non as houbo. Que che conte a día de hoxe que meu pai tamén marchou non é unha novidade, precisamente porque onte fixo dous meses da súa partida...

Sabes? Últimamente empezo a dubidar das casualidades, cada vez penso que certas cousas non son fortuitas. Onte, por exemplo, o día amenceu nubrado e o meu estado de ánimo acorde co ceo, a medida que avanzaba o día foise turnando gris ata que as nubes puideron chorar o recordo dunha perda. Esas nubes foron o reflexo da miña alma, que últimamente ten uns picos impresionantes... A psicóloga di que é algo normal pero eu teño momentos nos que dubido de todo.

Non quero preocuparte coas miñas palabras, despois de visitar á descoñecida á que lle conto as miñas comeduras de olla sentinme mellor eu quería transmitirche tranquilidade. Si, é certo que teño ansiedade outra vez, pero é un proceso normal, o meu corpo se está liberando da presión, así que temos que pensar que é algo positivo. Phoe, está todo controlado... 

Túa nai fálame de ti, é unha nova estupenda, mándame saúdos para ti. Xa sabes que ela esto das novas tecnoloxías só as coñece de oídas, pero encargoume que che fixera chegar unha mensaxe de tranquilidade. Ti, que vives preto de meu pai quero que lle transmitas as mesma mensaxe. Aquí as cousas están coma sempre, pendentes de arreglos elécticos na casa, pero son pequenas cousas que se irán amañando aos poucos. A el que tanto lle gustaba estar fozando en cables, el tuberías ou en calquera outro lugar tivo que deixar unha encargada de mantemento (eu) que fai o que pode.

Quero que saibades que a pesar do tropezón que tiven cando pretendía acadar o obxectivo de completar o Camiño de Santiago, penso recuperarme e continuar a trozos ese reto. Vouno conseguir, seguro! Saule sigue na miña vida, aguantando unha versión gris de min mesmo que espero se tiña de outra cor. Quéroa máis cada día, supoño que se me nota e vos saberédelo con esta mensaxe. Sóubome moi mal non ter acabado aquela aventura peregrina co meu amor pero ela tamén se anima a rematala por fascículos.

Bueno, dende aquí, a silla do meu traballo non podo profundizar en temas que me gustaría. Pero mando esta mensaxe coa esperanza de que che chegue, Phoe, e lle comuniques as boas novas a meu pai. Quérovos e querereivos sempre. Canto vos votamos de menos aquí! Vémonos nos máis fermosos recordos e nos soños máis alegres e disparatados.

A túa prima e amiga, que xamáis te esquecerá.

PD: Dille a abu que as súas fillas siguen igual de tolas que sempre, que teño que andar botándolles pequenas bronquiñas para que espabilen e non se deixen asoballar por Masha. Dalle unha apreta ben forte e recibe outra extra para ti.