segunda-feira, 16 de janeiro de 2012

Que difícil me resulta pensar a longo prazo

Resulta curioso que a primeira resposta que din á pregunta "como te ves con corenta anos?" fose desconcertante ata para min. A miña resposta foi algo así como "non teño moi claro que vaia a chegar a esa idade" e en certa maneira quedeime pensando no porqué desta resposta.
Nunca fun unha persoa con capacidade de pensar a tan longo prazo e últimamente me custa máis ainda. Síntome afortunada de ter unha vida e de contar con xente que adoro e me apoia pero en ocasións penso que non son merecedora de nada do que teño porque os meus obxectivos e soños non son de especial grandeza. So me conformo con tratar de ser feliz en compañía do que eu chamo "a miña xente"... Non aspiro a ter grandes riquezas e acadar grandes metas, quizáis sexa conformista... so quero sentirme ben co que faga e sigo creendo que ainda que os tempos sexan duros, escuros e difíciles pagará a pena tentar formar unha familia...
Creo, case con seguridade, que esta idea de non considerarme "digna" de ter grandes soños e metas ven de algo que ocorreu o ano pasado, que me marcou moito, a perda de Phoe. Ela tiña grandes soños e obxectivos e non os puido levar a cabo. E tamén me ven á mente outra amiga que falta xa hai case tres anos, Filo... grandes soños, grandes aspiracións que se esfumaron sen contemplacións... Quizáis ao comparar a miña vida coa de xente grande que xa non está, como neste caso é Phoe ou Filo, fai que me sinta insignificante e sinta que a vida me queda grande. Sígueme parecendo increíble que a vida se poida ir un "tris" no momento máis inesperado...
A vida é inesperada, seino, pero quizáis nestos tempos no que por momentos sinto todo moi lonxano, me resulte máis difícil ca nunca imaxinar un futuro que non existe...

Sem comentários:

Enviar um comentário