sexta-feira, 30 de dezembro de 2011

Un ano que toca a súa fin

Con a penas corenta e oito horas para a fin deste ano, que sen dúbida non esquecerei xamáis, penso en facer un resumo do acontecido. Este ano que ven tocando ao seu fin está marcado pola pérdida dun ser queridísimo, a de miña prima e amiga Phoe. Tamén estará sinalado pola loita e o apoio, polas sorpresas hora e polo orgullo.
Neste ano que remata houbo momentos de todo tipo: de tristura, ledicia, de amor, de enfado, de angustia, de familia, de soidade, de grandeza, de insignificanza, de vergoña, de orgullo, de desilusión, risas incontroladas, de flaqueza, de envalentonamento, de reconciliación e reencontro... Todos estos instantes intercalados en maior ou menor medida facendo de cada día algo distinto, algo merecedor dunha vida non mediocre.
Por sorte sigo contando con unha man amiga que me acompaña no viaxe da vida e esto é o que me empuxa a querer seguir mellorando como persoa (xa vos teño falado dela, é Saule), que me apoia e me comprende, que me quere con todas as miñas limitacións. Saule, esa persoa da que sigo namorada, é unha extraordinaria persoa que me apoiou e me aguantou (e ainda me aguanta) nos momentos máis duros deste ano que remata.
Botando a vista atrás nestos últimos doce meses acórdome de momentos bos: o día que nos rimos Phoe e máis eu na cama do hospital vendo un vídeo resume dunha película que viramos había como seis ou sete anos sobre unha cebra que quería ser "cabalo de carreiras"; o día que me rín con Saule imaxinando un monstro que iventamos unha tarde de inspiración; recordo as conversas que tivemos para endereitar unha relación que non pasaba por un bo momento; recordo chorar de emoción ao escoitar unha canción que me recordaba a Phoe e tamén sorrír ao escoitar algunha outra que me recordaba a Saule; recordo (porque desto non hai tantos días) ter conversado co meu irmán, unha persoa que me parecía completamente inaccesible; recordo ter dito a meu pai o orgullosa que me sinto de que me ensinaran a ser persoa coa súa educación; tamén recordo un preciso instante onde Saule me volveu namorar e meus ollos se inundaron de novo de luz; recordo tristemente como despois da perda de Phoe non fun capaz de voltar entrar no cemiterio; recordo o calor do corpo de Saule ao dormir na mesma cama; recordo perderme no medio dos meus pensamentos e que con tan só unha palabra, un xesto ou unha mirada do meu sol, atoparme de súpeto; recordo brindar o meu apoio a Phoe e a meu pai na súa loita persoal contra esa enfermidade que nos atormentou este ano; recordo protestar por terme un pouco "desacreditada" na casa polo feito de ser a pequena e ter asumido, case sen querer, a responsabilidade no transcruso da enfermidade de meu pai; recordo a voda de unha boa amiga, a animación que desprendia a mesa 14 durante o banquete e o baile que me marquei despois de comer co meu pai; recordo o fermosísimo comezo de ano que tiven nunha compañía inmellorable; recordo os viaxes ao hospital en demasiadas ocasións; recordo o afortunada que me sentín cando Phoe decidiu dar comigo o seu último paseo; recordo ter chorado por moitas cousas e sorprenderme da entereza coa que afrontei os malos momentos deste ano; recordo terlle presentado a meu pai ao meu amor e recordo aquela mirada que nos botaba cando sentadas no sofá contemplabamos un álbum de fotos familiar; recordo ter que tomar decisións importantes como pedirlle a miña irmá que adiantase a súa viaxe; recordo a risa do meu sobriño Noah e de meus afillados; recordo terme enfadado con determinadas chamadas ao móbil; recordo tantas cousas que non me podería caber aquí...
E quédome co bo que me ensinou este longuísimo ano: a ser máis forte, a sentirme afortunada, a tratar de superarme, a non deixar de sorprenderme, a seguir amando sen condicións, a seguir vivindo... Foi un ano duro e sobre todo moi emotivo e sensible... Espero que o ano que comeza sexa mellor que o que remata e que os tempos duros que se aveciñan sexan o máis levadeiros posibles. Desexo o mellor para todas aquelas persoas que están no meu entorno, meu pai, miña nai, meu irmán, miña irmá, meu sobriño e en xeral a todas aquelas persoas que considero "a miña familia"... Teño que facer especial mención á persoa que máis quero, Saule: "Grazas por estar aí"
Mañá será o último día do ano, o día no que vou facer dous anos sen fumar e os meus propósitos de aninovo serán: o que non puiden cumplir este ano, deixar de morder a uñas; comer mellor e facer algo de exercicio. Ah! E por suposto tratar de ser feliz coa miña xente!

Sem comentários:

Enviar um comentário