domingo, 18 de março de 2012

Caen coma moscas

Queridísimo Ray:

Escríboche, precisamente a ti, para contarche o meu parecer respecto ao tema estrella da nosa casa. Ti paseas alleo, ou esa é a impresión que das, a todo o que acontece. Tumbado sobre a miña cama, feito unha boliña descansas coas tuas patas enlazadas, eu mírote e penso: caen coma moscas.

Quizáis non saibas ben do que estou falando, quizáis saibas máis do que as persoas sabemos na nosa ignorancia. Como non sei con certeza cóntoche o porqué desta impresión que teño hoxe. Miña nai veu do médico, de buscar un medicamento para as feridas que habitan a boca de meu ben querido pai. Durante o seu paseo de ida e volta enterouse que un compañeiro de fatigas, chamémolo X, rendiuse ou perdeu esta loita que é a máis encarnizada que alguén pode experimentar, o cancro. E con X xa van dous compañeiros que empezaron de cando meu pai no duro tratamento que supón a quimioterapia. Outro máis que cae rendido.

Que podo pensar hoxe? Non o sei ben, estou triste e temerosa de ver o final que nos agarda a nós tamén. O Sr. ET, meu pai, esa persoa que me ensinou a miña primeira palabra, ese home ao que sempre admirei e que tiven medo de defraudar, un gran home, un bo marido e unha excelentísima persoa... todo el está sufrindo os mesmos síntomas que tiña Phoe na súa última época de loita, e dame medo ver que o final se achega pero non ten data concreta.

Ti, Ray, entras e saes da casa, durmes en cada rincón quente que atopas e en ocasións vas facerlle compaña ao Sr. ET coa túa presenza no sofá do lado. Peta ás veces acompáñate dende a alfombra onde fai arrugas para atopar unha almofada, e os dous, aparentemente impasibles, estades aí. Non sei se sodes conscientes do avance desta enfermidade, supoño que algo diferente apreciaredes na casa ademáis de dúas bombonas de osíxeno que decoran a esquina da entrada do salón. Gustaríame saber que pensas. Eu non podo sacarme da cabeza esa frase que titula esta carta a modo de artigo, hoxe máis ca outro día preciso aire fresco.

Sem comentários:

Enviar um comentário