quinta-feira, 17 de novembro de 2011

Cando aparece a tristeza, so queda recordar o bo

Eran as once e media da noite de un xoves calquera cando volveu sen avisar. De súpeto unha sensación gris, chuviosa e triste me abordou sen vir a conto. Soaba unha canción que falaba dun anxo protector entón acordeime de miña prima. Non puiden conter as bágoas e chorei en soidade, no silencio escuro da noite mentres escribía estas liñas.
Nese momento todo me recordaba a ela, o ordenador que fora dela, as fotos da miña habitación, a roupa que trouxera na maleta. Non podía creer que xa ían pasar catro meses dende a perda máis grande que experimentara ata o momento, e chorando non podía deixar de escribir esto que emana do meu interior. Sinto rabia, impotencia e tristeza...
De novo a tristeza estaba presente mentres chove nos meus ollos. Non podo parar de momento e supoño que tamén terá que ver moito o que vai ocorrer cando saia o sol. De novo esa enfermidade tan triste volve azotar na miña vida cotiá, chámase cancro e esta vez tocoulle a meu pai. E de novo esta palabra me recorda o tráxico final da miña prima e a tristeza non se quere ir.
Agora recordo a valentía, a actitude positiva que tivo Phoe durante toda a sua enfermidade e paro de chorar, recordo algún bo momento e os consellos que me dou no seu momento e poño en práctica a lección que ensinou ao mundo: podemos flaquear pero temos que continuar para adiante. Así que seco as bágoas e decido recordar a miña prima Phoe tal e como era ela, alegre, activa, positiva, loitadora, soñadora, ... así que espero que se esta noite teño un soño sexa, polo menos, agradable e non agustioso como estiveron sendo os últimos que recordo destos días.

Phoe, alá onde estés quixera que souberas o moito que te botamos de menos aquí na Terra.

Sem comentários:

Enviar um comentário